A Deputación de Pontevedra contrata por 210.000 euros a plataforma de formación do hub contra a soidade non desexada
venres, 22 de decembro do 2023
A
xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou por 208.504
euros a implantación e o desenvolvemento dunha plataforma de
formación dentro do proxecto Hub
para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio
rural da provincia de Pontevedra, co-financiado polo
Ministerio para a Transición Ecolóxica e que se desenvolve nos
concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.
A
empresa encargada de subministrar, instalar, conectar e pór en
marcha a mencionada plataforma tamén deberá desenvolver cinco aulas
virtuais, unha por cada un dos concellos participantes, así como
dotalos do equipamento necesario para retransmitir e gravar os
eventos formativos. Ademais, deberá levar a cabo unha diagnose de
Administración Electrónica dos concellos, para elaborar así un
libro branco dos servizos electrónicos municipais e crear unha
experiencia formativa interactiva que mostre as capacidades que
ofrece a plataforma.
O
obxectivo deste proxecto é “rematar coa fenda que supón a
dixitalización, particularmente entre persoas maiores”. Búscase
mellorar a súa autonomía e calidade de vida, así como un maior
apoderamento na súa relación coa Administración, mantemento de
relacións e contactos sociais; acceso á telemedicina e a
teleasistencia etc.
Ademais
de desenvolver a plataforma, o proxecto tamén contempla unha serie
de cursos de formación a persoas maiores de 50 anos dos cinco
concellos para capacitalos en competencias dixitais, co fin de que
poidan tamén xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas
relacións coas administracións públicas e a alfabetización
dixital. Serán sete accións formativas que versarán sobre a
Administración Electrónica, o SERGAS en liña, a banca móbil, as
redes sociais ou a creación de vídeos, e para as que as e os
participantes aínda poden inscribirse ata o 31 de xaneiro de 2024.