A Deputación de Pontevedra convoca a II edición do concurso Micromuseo, o certame de microrrelatos audiovisuais

mércores, 9 de abril do 2025 S. P.

Implicar a comunidade escolar no descubrimento do patrimonio cultural da provincia que se atopa no Museo de Pontevedra é o obxectivo da segunda edición do concurso Micromuseo, o certame de microrrelatos audiovisuais que convoca a Deputación de Pontevedra. Cómpre dicir que este ano o concurso está adicado ao descubrimento da obra do artista de Rianxo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co 75 aniversario do falecemento deste persoeiro senlleiro para o museo pontevedrés e para a cultura galega en xeral. As bases xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Indo ao concurso, sinalar que está encamiñado a estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra, consistirá na presentación dun microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 120 segundos. O alumnado deberá buscar e indagar sobre algunha das pezas pertencentes á obra do escritor, político e artista galeguista que se custodian e expoñen no Museo de Pontevedra. O prazo para presentar os traballos comeza mañá, 10 de abril, e remata o 9 de maio. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación.
Engadir que a participación debe facerse en grupo (sempre que o número de participantes non supere unha aula) e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por cada unha das tres categorías: a primeira, para os estudantes de 5º e 6º de primaria; a segunda, para os que se atopen na ESO, e unha terceira para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos.
En canto aos premios, haberá un primeiro e un segundo premio por categoría valorados en 2.000 e 1.000 €, respectivamente, facendo un total de 9.000 euros. Con estes recursos, os centros poderán adquirir material, realizar saídas educativas, entregar bolsas ao alumnado ou realizar outras actividades relacionadas coa súa programación. Asemade, cada un dos seis premios estará acompañado dun lote de tres libros do Museo de Pontevedra relacionados con Castelao.