A Deputación de Pontevedra creará unha app de Realidade Aumentada sobre as rías Baixas

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este xoves 16 de maio un novo avance en materia de turismo para a provincia relacionado coas novas tecnoloxías na apertura da sexta xornada de TurisTIC. Trátase dunha aplicación móbil de Realidade Aumentada ambientada nas rías Baixas.
En concreto, o lanzamento consistirá nun xogo que poderán descargar os usuarios para, a través da xeolocalización, percorrer diferentes rutas pola provincia e ir colleitando obxectos virtuais que logo poderán intercambiar por recompensas reais nas oficinas de Turismo Rías Baixas.
“É un novo incentivo para lanzarse a descubrir os tesouros que agocha o noso territorio e un xeito moderno e divertido de diversificar a nosa oferta”, explicou López, engadindo que o lanzamento da ferramenta materializarase “proximamente”.
Ademais, o presidente falou tamén doutras dúas iniciativas aprobadas recentemente: por unha banda un asistente conversacional para a páxina web de Turismo Rías Baixas que mellorará a atención aos usuarios e a xestión de datos a través dun investimento superior aos 200.000 euros, pola outra, o proxecto Praias Infinitas que busca explotar os areais das Rías Baixas como escenarios para observar as estrelas ou organizar actividades de ocio para as familias.
“As Rías Baixas son un destino único porque nun territorio tan pequeno en extensión como a nosa provincia, temos unha oferta turística de enorme calidade. Pero esta industria é como o seu público: dinámico, áxil e cambiante. Polo que é imprescindíbel estar preparados para estes cambios”, contextualizou o presidente provincial.
Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, a deputada de Turismo, Nava Castro; e o deputado e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o titular da Deputación foi o encargado de inaugurar a sexta edición da xornada TurisTIC, un evento impulsado polo organismo provincial que ten como obxectivo “analizar e informar aos integrantes do sector turístico das oportunidades que ofrece o uso das tecnoloxías da información para o destino”.
Este ano, o programa incluíu dúas mesas redondas e unha conferencia que xiraron arredor da importancia dunha correcta xestión de datos, tanto no ámbito público como no privado.