A Deputación de Pontevedra destinará máis de 300 mil euros á creación dunha nova plataforma turística

xoves, 5 de decembro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra aprobou un convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra norte para poñer en marcha o proxecto Smartguide, que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros e que se desenvolverá ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGeneration.
“Este novo proxecto é un paso máis para converter o territorio da provincia nun destino intelixente, e para ofrecer ás persoas visitantes novas propostas para realizar aquí, na provincia de Pontevedra”, asegurou Luis López.
O presidente explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor e dotar de recursos aos camiños de Santiago que pasan polas comarcas, o da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro.
O proxecto contempla a implantación dunha plataforma turística Smartguide e comunicación dixital dos camiños da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro, a xeración de contido audiovisual asociado aos Camiños de Santiago e aos recursos cabeceira das comarcas, e a recompilación e integración na plataforma da información existente.