A Deputación de Pontevedra distinguiu o empuxe innovador de cinco novos proxectos

luns, 13 de maio do 2024 S. P.

O pasado xoves 9 de maio celebrouse no salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra a segunda edición da Gala de Emprendemento SmartPEME, na que se recoñeceu o mérito de cinco proxectos empresariais xurdidos na provincia. Foron Galiwonders, Salmoira, Ceogest, Musggo Yoga e Amarelas.
No transcurso da sesión, o presidente da Deputación, Luis López, enumerou algunhas das iniciativas máis destacadas da institución para o impulso da innovación, o emprendemento e a transformación: o programa SmartPeme, os Premios á Xuventude, o DemoDay para o alumnado de FP ou a aposta pola modernización do tecido empresarial do turismo coas xornadas TurisTIC.
A gala, conducida pola xornalista Belén Xestal e coa presenza como invitadas das empresarias fundadoras de Las Merceditas de Iria, Mercedes e Carmen Zaldívar; serviu para presentar as cinco empresas finalistas que competiron por un premio valorado en 3.000 euros para mellorar a súa formación. As cinco marcas foron seleccionadas polo xurado entre todas as empresas que participaron ao longo do curso nalgún dos obradoiros ou aceleradoras impulsadas desde SmartPEME, o programa de apoio tecnolóxico ao emprendemento da Deputación de Pontevedra. Entre as preto de 500 empresas que participaron nalgunha actividade deste proxecto, foron preseleccionadas “as trinta máis interesantes” e destas, o xurado elixiu as cinco finalistas seguindo criterios relacionados coa súa innovadora idea de negocio, polo seu impacto social, polo crecemento experimentado desde o seu ingreso en SmartPEME.
As axencias de viaxe Galiwonders e Salmoira, a xestoría Ceogest, Musggo Yoga, que ofrece clases de ioga para todos os públicos; e Amarelas, que ofrece experiencias educativas ambientadas na natureza e o patrimonio da provincia; foron as cinco finalistas. Durante a gala e despois de ver un vídeo promocional de cada unha delas, os asistentes decidiron o gañador a través dun sistema de votación co seu móbil. A gañadora resultou ser finalmente Salmoira.
Luis López destacou a capacidade da cidadanía pontevedresa para emprender. “Vivimos nunha provincia que é pequena en extensión, pero que conta cunha enorme capacidade emprendedora. Aló onde pousamos a mirada, vemos un pontevedrés ou unha pontevedresa poñendo en marcha un negocio”, subliñou para reafirmar o apoio do seu goberno ao tecido empresarial.