A Deputación de Pontevedra dotará de tecnoloxías de realidade virtual o Castelo de Soutomaior

martes, 9 de xullo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra recibiu 2,5 millóns de euros dos fondos NextGeneration da Unión Europea para continuar avanzando na modernización do Castelo de Soutomaior. O programa de actuacións inclúe a mellora da iluminación do Ben de Interese Cultural, así avances na accesibilidade na Torre da Homenaxe. Tamén se van introducir novas tecnoloxías de realidade virtual para optimizar a experiencia de visita do castelo.
En termos máis concretos, cos recursos de Europa disporanse de “instalacións de iluminación e eléctricas axeitadas, máis eficientes, de coidada estética, uniformes, integradas de xeito respectuoso co espazo histórico e encamiñadas a ofrecer un espazo de calidade para os visitantes”.
Ademais, vaise actuar na mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe, substituíndo a escaleira de caracol que se atopa na actualidade no recinto por outra de mellores prestacións e garantindo a normativa vixente en materia de funcionalidade, seguridade e accesibilidade
E, finalmente, os recursos da Unión Europea van permitir incorporar ao Castelo de Soutomaior tecnoloxías de vangarda que posibilitarán realizar a través de dispositivos móbiles e ordenadores un percorrido virtual tanto do recinto como dos seus xardíns mediante a realidade virtual e contidos de inmersión. En palabras da Deputación, “esta nova posibilidade de coñecer este espazo de xeito único e accesíbel permitirá atraer a un público moito máis amplo que poida estar interesado en coñecer o destino Rías Baixas, así como servir como introdución ou preparación dunha visita presencial”.