A Deputación de Pontevedra e ASIME percorrerán a provincia fomentando as vocacións TIC

mércores, 1 de febreiro do 2023 S. P.

O programa Tecnolóxicas, impulsado pola Deputación de Pontevedra e ASIME, chegará a toda a provincia de Pontevedra a través do proxecto itinerante Tecnolóxicas Week, destinado a fomentar as vocacións técnicas na xente nova, poñendo o foco (para derrubar fendas de xénero, estereotipos e prexuízos) nas nenas e as rapazas. Na semana do 6 ao 10 de febreiro (nos días previos ao Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, sábado 11), programaranse 10 eventos paralelos en distintos concellos, representando todas as comarcas. A iniciativa foi dada a coñecer pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón.
A presidenta Carmela Silva sinalou que Tecnolóxicas naceu, a proposta de ASIME, “da imperiosa necesidade de incorporar mulleres á tecnoloxía, xa que o presente e futuro de toda actividade humana están vencellados a este sector e hai unha enorme demanda de talento que as empresas non son capaces de cubrir”. Segundo avanzou, esta iniciativa “terá continuidade”, prolongando a loita contra a fenda de xénero no sector e contra unha realidade preocupante: a do número de mulleres que se matriculan en carreiras STEAM, que está diminuíndo e repercute nunha taxa de empregos que se sitúa entre o 15 e o 20%.
O secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón, asegurou pola súa banda que “nunca houbo tanta escaseza de profesionais cualificadas/os no sector industrial. Actualmente a industria do metal e a súas tecnoloxías asociadas precisa cubrir 1.500 postos de forma inmediata e 800 a medio prazo, pero vivimos unha situación anómala no mercado laboral na que non conseguirmos cubrilos”. Esta situación, asegurou, “agudízase máis se cabe en perfís femininos para certos postos”, e con programas como Tecnolóxicas “pretendemos achegar a realidade industrial ás persoas máis novas para fomentar as súas vocacións temperás no ámbito técnico-tecnolóxico e animalas a optar por unha saída estábel, de futuro e ben remunerada como a que ofrecen as profesións industriais”.
As actividades da Tecnolóxicas Week, explicaron, inclúen visitas escolares a empresas industriais, charlas temáticas, coloquios con mulleres tecnólogas e workshops para nenas e nenos. O obxectivo é “mostrar á mocidade a realidade da industria para que coñezan os traballos que poden desenvolver, paliar a falta de persoal cualificado no sector e incorporar máis perfís de mulleres en postos técnicos e tecnolóxicos”. Así mesmo, búscase achegar á xente nova referentes de mulleres tecnólogas da súa propia contorna.
As persoas interesadas en asistir a diversas actividades poden inscribirse nos formularios dispoñíbeis no sitio web de Tecnolóxicas.
O calendario comeza o luns 6 de febreiro nas comarcas do Baixo Miño e A Paradanta. En Tui organízanse visitas do alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Utingal S.L, Antobal S.L. e Pipeworks S.L., e na Cañiza unha charla con tecnólogas referentes para alumnado da ESO e FP no auditorio da Casa da Cultura de 11:00 a 12:00 h. Intervirán Sabela Vázquez, usuaria do programa Tecnolóxicas polo que se incorporou cun contrato á empresa Itera Técnica, e Lorena Rosende, CEO desta empresa e divulgadora.
O martes 7 de febreiro as actividades terán lugar no Condado e en Tabeirós-Terra de Montes. En Ponteareas, alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP visitará as empresas Talleres Ganomagoga S.L.U. e Panelship S.L., e na Estrada, nenas e nenos de 8 e 9 anos participarán nun workshop no que aprenderán a programar informaticamente de forma lúdica (sala Mome de 17:00 a 18:00 horas).
O mércores 8 de febreiro estaremos, nas comarcas de Pontevedra e Deza, desenvolveranse unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra impartida por Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nova Pescanova e Coordinadora do CCI in Galicia (Industrial Cybersecurity Center), e en Silleda organízanse visitas de alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Industrias Guerra (planta de Vila de Cruces) e Sotega Noroeste S.L.
O xoves 9 de febreiro Tecnolóxicas Week visita O Morrazo e O Salnés. En Cangas, Eliana Pardo (Business Development Manager de RIA 21) imparte unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no Salón de Actos do Concello de Cangas. No Grove, a Casa do Concello acolle de 17:00 a 18:00 h o workshop de programación informática para nenos e nenas de 8 e 9 anos.
As actividades rematan o venres 10 de febreiro nas comarcas de Ulla-Umia e Vigo. Alumnado de Valga de 3º e 4º de ESO ou FP visitará a empresa Extrusionados Galicia, e a sede de Vigo da Deputación acollerá como evento de peche unha mesa coloquio con mulleres tecnólogas. Participan Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña, Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica, Marta Fernández, Project Manager de Gestamp e Icíar Balza, do Grupo Gonvarri Industries. O evento comezará ás 11:00 h.

PUBLICIDADE