A Deputación de Pontevedra e a EOI melloran con TIC a empregabilidade da xente nova

luns, 8 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra está a levar a formación tecnolóxica aos concellos da provincia, poñendo o foco nas novas xeracións e nas potencialidades de empregabilidade e formación das TIC. Millennials, que se enmarca no convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (Programa Operativo de Garantía Xuvenil), achega accións formativas e asesoramento de balde para mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
Desenvólvese en Ponteareas (programación web con software libre), en Pontevedra (creación e xestión de tendas en liña, mercadotecnia dixital, fidelización), en Vigo (deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, creación de contidos dixitais, creación de aplicacións móbiles, organización e xestión da produción, xestión de empresas turísticas) e en Vilagarcía de Arousa (especialista en turismo activo e actividades no medio natural).
A formación en Ponteareas
A Concellería de Mocidade de Ponteareas que dirixe Miguel Bouzó informa que xa esta aberto o prazo de inscrición para a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp. O curso, de 316 horas, realizarase no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) na aula de informática entre o 17 de xullo e o 17 de outubro en horario de 9 a 14 horas. Miguel Bouzó explica que esta formación permitirá ás mozas e aos mozos mellorar a súa empregabilidade para acceder ao mercado laboral e recibir formación e asesoramento gratuíto.

PUBLICIDADE