A Deputación de Pontevedra e a UVigo entregan os Premios Girl Geek Power

mércores, 17 de decembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo recoñeceron este mércores 17 de decembro os mellores expedientes académicos das estudantes das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura coa entrega dos Premios Girl Geek Power.
Trátase duns galardóns que procuran, ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0, fomentar os estudos en carreiras de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM, polas súas siglas en inglés) ante a baixa representación feminina existente nestas materias de importancia estratéxica para a economía e a sociedade.
As universitarias Lucía Gómez e Adriana Pazos acadaron o primeiro premio e o accésit, respectivamente, na categoría de Enxeñería e Arquitectura. Mentres, Sabela González recibiu a máxima distinción en Ciencias e Ciencias da Saúde e Sofía Fernández obtivo o accésit neste eido. Os galardóns contan cunha dotación económica total de 6.000 euros.
Durante o acto de entrega das distincións, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, erixiu ás catro estudantes en “novos referentes reais” para as nenas que necesitan “verse reflectidas en mulleres –de calquera idade- que lideran, que innovan e que transforman o mundo desde a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería ou as matemáticas”. Do mesmo xeito, salientou a importancia dos Premios Girl Geek Power por terse convertido nun “espazo de inspiración e de compromiso cun futuro máis xusto e igualitario” grazas a “alianza sólida” establecida entre a Deputación provincial e a Universidade de Vigo.
Pola súa banda, a directora da Cátedra de Feminismos 4.0, Yolanda Rodríguez, recordou que as matrículas de mulleres en carreiras relacionadas coa enxeñería ou a arquitectura só representan o 24% do total. Así, chamou a “rachar os estereotipos de xénero” e gabou “o talento, a dedicación, o esforzo e a valentía” das estudantes recoñecidas.
Os Premios Girl Geek Power
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo convocan os Premios Girl Geek Power desde o ano 2020. Neles poden participar as estudantes matriculadas durante o curso 2025/2026 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo. As alumnas de grao deberán ter superado un mínimo de 60 créditos da titulación que estean a cursar e todas as candidatas deben ter unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Xunto ás solicitudes debe achegarse unha carta de motivación que detalle as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo será necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.
A revisión e valoración das candidatas foi realizada por unha comisión composta por Yolanda Rodríguez; Soledad Torres, profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicación; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Marta Caldas, adxunta ao Servizo de Igualdade da mesma institución.