A Deputación de Pontevedra e a UVigo queren incrementar a cifra de tecnológas e científicas

venres, 20 de novembro do 2020 Sonia Pena

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo van revalidar a súa aposta por fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas a través do programa Inspira STEAM, que inclúen actividades de divulgación e asesoramento impartidas por mulleres que traballan nos eidos avanzados da investigación e a creatividade, animando ás mozas a escoller os estudos que abranguen as siglas do acrónimo STEAM: Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, o reitor, Manuel Reigosa e a vicerreitora, Natalia Caparrini, deron coñecer esta semana a nova edición da iniciativa, que “permitirá ás escolares dos centros da provincia coñecer como son estas titulacións e os traballos aos que dan acceso a través das sesións formativas con profesionais do ramo”.
Esta é unha nova edición deste proxecto que naceu no ano 2018, como explicou Carmela Silva, inspirado no desenvolvido na Universidade de Deusto e que xa está en marcha noutras comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Asturias e Murcia, e que xorde en resposta ao continuo descenso das matriculacións femininas na carreiras universitarias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías, Arte e Matemáticas). Silva lembrou os “terríbeis” datos que mostran o descenso de matriculacións, entre os que citou que a presencia de mulleres é dun 24,5 % en Enxeñería e Arquitectura, dun 12 % en Informática, un 8 % en Telecomunicacións e un 11 % en Física.
O reitor, Manuel Reigosa, tamén puxo o foco no impulso que perden as ditas titulacións entre a poboación feminina, e destacou que con iniciativas como Inspira STEAM, “aspiramos a que polo menos a metade ou un pouco máis do talento que temos nas nosas aulas sexa feminino”.
Como explicou a vicerreitora de Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, o programa consiste en que mulleres que están formadas ou traballan no ámbito das citadas titulacións manterán sesións de mentoring neste eido con nenas e nenos nos centros escolares. Nestes encontros falaranlles ás e aos estudantes sobre referentes femininas históricas e actuais e tamén desenvolverán accións co obxectivo de romper estereotipos. Caparrini indicou que este ano presentáronse máis candidatas para ser mentoras e está aberta a inscrición dos centros, de xeito que a Universidade confía tamén en superar as cifras de participación do pasado curso.

PUBLICIDADE