A Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo propoñen unhas xornadas sobre IA aplicada ao turismo

luns, 15 de decembro do 2025 S. P.

Inseridas no programa Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector atópanse as xornadas sobre Intelixencia Artificial (IA) aplicada ao turismo, que terán lugar este mércores e xoves, 17 e 18 de decembro no Palacete das Mendoza (Pontevedra).
A dita proposta, organizada pola Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo, está deseñada para ofrecer unha visión práctica e accesible sobre como a IA pode mellorar procesos chave como a atención ao cliente, a mercadotecnia, a comunicación, a análise de datos e a automatización de tarefas.
Indo ás dúas sesións, dicir que se desenvolverán de xeito presencial en horario de 16:30 a 19:30 horas e acollerán a 20 participantes, serán impartidas por Enrique Lancis, experto en transformación dixital e creador do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes, e por Susana García, especialista en estratexia dixital e autora do libro IA desde cero. Os dous relatores abordarán a aplicación práctica de ferramentas útiles en tarefas empresariais do eido turístico, o deseño de estratexias sostibles e a comprensión dos marcos legais da Intelixencia Artificial. A formación completa os coñecementos adquiridos nas sesións celebradas a finais de novembro sobre os fundamentos e tendencias da IA e o uso profesional de ChatGPT e o prompting.
Para rematar sinalar que o programa Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector, que foi financiado pola Deputación con 20.000 euros, busca facilitar a adopción desta tecnoloxía polas empresas galegas do sector turístico dunha maneira segura, sostible e orientada aos resultados. O obxectivo é acadar un servizo de calidade e adaptado aos novos tempos, que contribúa a consolidar ás Rías Baixas como un destino de excelencia e preparado para competir nun mercado global.