A Deputación de Pontevedra entrega os premios de emprendemento do programa SmartPeme+
xoves, 2 de outubro do 2025
A Deputación de Pontevedra premiou o novo proxecto emprersarial A Fada de Aldea, da silledense Gloria Lareo, como a mellor iniciativa do III Programa de Emprendemento, abeirado á rede de transformación tecnolóxica SmartPeme+ e que se desenvolveu entre maio e xullo no Viveiro de Empresas de Lalín para dar asesoramento e formación a ideas de negocio en fase inicial.
A gañadora, que recibe 500 € en formación, presentou o seu proxecto nun acto que se celebrou na Finca Mouriscade de Lalín no que o deputado provincial Ricardo Martínez comprometeuse a seguir dando visibilidade ao talento emprendedor: “Con xente coma vós, temos garantido o futuro desta provincia”, asegurou.
O proxecto gañador trátase dun espazo de benestar e autocoidado persoal, que ofrece produtos de cosmética natural e actividades formativas baseadas na sabedoría popular galega. Destacou polo “seu enfoque social, educativo e ecolóxico”, por “unha estratexia dixital ben definida que reforza a súa capacidade de crecemento”, así como pola “súa clara vocación de impacto positivo na provincia de Pontevedra”.
Xunto á Fada de Aldea, no acto celebrado na Finca Mouriscade tamén se presentaron outros proxectos participantes no III Programa de Emprendemento de SmartPeme+ en Lalín: a empresa de deseño e venta de mobles artesanais Moblika, de Priscilla de Saavedra (Vila de Cruces); e a lavandería de autoservicio para mascotas e bicicletas A Escusa, de Juan José Varela, de Lalín.
Todos as iniciativas emprendedoras participantes neste programa da Deputación de Pontevedra recibiron, tal e como recordou o deputado provincial Ricardo Martínez, asesoramentos individuais e personalizados adaptados ás necesidades específicas de cada participante. Ademais, achegóuselles formación sobre o plan de empresa e de mercadotecnia dixital e a análise do comportamento dos consumidores, así como sobre axudas para impulsar proxectos emprendedores, identidade corporativa ou produto mínimo viable. Tamén se realizaron encontros con empresas, nos que se deron a coñecer casos de éxito de edicións anteriores da iniciativa, accións de outdoor training e actividades de LEGO Serious Play.
