A Deputación de Pontevedra estrea a nova web do ORAL, máis doada e transparente

xoves, 28 de novembro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra estreou a nova web do Órgano de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais (ORAL), unha ferramenta máis moderna, intuitiva, co obxectivo de “mellorar a atención da cidadanía da provincia” e ofrecerlle “unha experiencia de usuario máis áxil e satisfactoria”.
Entre as novidades, atópase un novo menú principal, que facilita a busca da información, con seccións claramente definidas e un buscador interno que leva aos usuarios aos contidos máis relevantes. Ademais, na páxina de inicio móstranse as últimas noticias e avisos importantes, así como accesos rápidos aos contidos máis consultados.
Na nova web a cidadanía pode atopar toda a información precisa para contactar co ORAL, incluíndo a localización das diferentes oficinas e os horarios de atención.
Ademais, o novo deseño mellora a visualización e a explicación dos impostos que xestiona o ORAL, ofrecendo información detallada e específica de cada un deles, e inclúe, ademais, seccións dedicadas aos municipios, con información específica dos tributos delegados. Con esta nova web, o obxectivo da Deputación de Pontevedra é “achegar a administración á cidadanía, reafirmando así o seu compromiso coa transparencia, a eficiencia e a calidade na prestación de servizos públicos”.