A Deputación de Pontevedra estrea a plataforma de Dixitalízate para loitar contra a fenda dixital

venres, 31 de maio do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra deu hoxe un paso adiante no seu proxecto Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural, tamén coñecido como Dixitalízate. Fíxoo coa posta en marcha a plataforma dixital hubrural.gal, na que se recollen os contidos deste proxecto no que participan preto de 90 persoas dos concellos de Moraña, Forcarei, A Illa de Arousa e As Neves. Trátase dunha iniciativa que, en palabras do presidente provincial Luis López, “agardamos dea moi bos resultados para atallar un desafío estrutural para a nosa sociedade, que á Deputación lle preocupa e ocupa”.
O obxectivo do programa, que conta cun orzamento de 500.000 € e que a Deputación desenvolve co Ministerio de Transición Ecolóxica, é capacitar en competencias dixitais a persoas maiores de 50 anos, “co fin de evitar a fenda nas novas tecnoloxías e paliar a soidade non desexada, especialmente nos concellos do rural”.
Desta maneira, hubrural.gal disporá de cinco canles (Tecnoloxía, Trámites, Turismo, Ocio e Benestar) para que os maiores participantes, coa axuda dos contidos e de vídeos de veciños influencers que están agora mesmo en formación, aprendan desde como facer un Bizum ou solicitar unha cita a través da aplicación do SERGAS ata aprender hábitos alimenticios ou actividades de benestar que teñan como fin, todas elas, combater a soidade non desexada.
Por outra banda, Luis López explicou que a Deputación enviou unha carta aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para xestionar a entrega de 640 equipos informáticos (entre portátiles, pantallas, teclados, etc.) como parte dun proxecto de reforzo das infraestruturas dixitais dos concellos, unha acción que conta cun orzamento próximo aos 640.000 € dos fondos Next Generation.
A Deputación facilitará aos municipios un formulario e, por orde de solicitude, recollerán a partir da semana que vén estes equipos, que permitirán reforzar a dixitalización e dotar aos empregados públicos de novas ferramentas de traballo.