A Deputación de Pontevedra fai avanzar a transformación TIC nos concellos de menos de 20.000 habitantes

martes, 27 de xuño do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra axudará aos concellos de menos 20.000 habitantes a avanzar na transformación dixital. Para este fin, habilitará preto de 600 equipos traballo ao abeiro do Plan de Recuperación. Cóntase cunha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos NextGenerationEu.
Nos últimos días, a institución provincial comunicou a cada un dos 51 concellos que se adheriron a este proxecto as liñas e iniciativas que lles corresponde desenvolver, entre as que destaca o reparto de 582 equipos de traballo intelixentes para facilitar a mobilidade e a produtividade dos empregados e empregadas públicas, 477 deles estándar dotados con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e os outros 105 avanzados, de maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores, que se repartiron entre os concellos interesados de maneira equitativa segundo o número de habitantes.
Ademais, a entidade provincial impulsará outras catro liñas de transformación que chegarán aos concellos atendendo ás súas necesidades, solicitudes e grazas ao reparto equitativo das axudas. Desta maneira, a primeira das liñas consiste na posta en marcha dunha plataforma web/app de comunicación coa cidadanía e xestión de incidencias que chegará a 36 concellos da provincia para permitir que a cidadanía poida comunicar calquera incidencia aos seus concellos, e dun portal de transparencia para 22 concellos que lles permita cumprir coa Lei de Transparencia.
A segunda das liñas consistirá no desenvolvemento dun sistema de xestión de órganos colexiados (vídeo-actas) que se desenvolverá en 32 concellos.
O terceiro dos proxectos consiste na posta marcha dun cadro de mando de indicadores da Axenda Urbana e Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS), que será unha plataforma de axendas municipais para visualizar, xestionar e analizar estes indicadores e os da Axenda Urbana Española (AUE) da provincia, e que chegará a 25 concellos diferentes.
Por último, levarase a cabo a incorporación á Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado en 48 dos 51 concellos, o “que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes de maneira e ter, así, unha visión centralizada e detallada da súa información”, explicaron fontes da Deputación, detallando dende a súa web as novidades que corresponden a cada concello.

PUBLICIDADE