A Deputación de Pontevedra forma á rapazada en domótica sen barreiras e hacking ético
luns, 22 de xuño do 2026
A Deputación de Pontevedra acolle este mes de xuño, na súa Aula CeMIT, dous obradoiros para a rapazada centrados no deseño dunha casa domótica accesible e na ciberseguridade e o hacking ético. O obradoiro sobre domótica, dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos, será o 29 de xuño e o centrado no hacking ético, para mozas e mozos de entre 16 e 24 anos, o 30 de xuño.
As dúas accións fomativas serán gratuítas, teñen aberto o prazo de inscrición e desenvolveranse en xornada de mañá na Aula CeMIT do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra.
A primeira actividade combina programación e deseño creativo, con contidos adaptados segundo as idades dos participantes. As nenas e nenos traballarán en grupo para crear unha maqueta dun fogar empregando materiais sinxelos como caixas de zapatos e incorporarán funcionalidades mediante placas Arduino. A inscrición para esta actividade, que terá lugar de 10:00 a 14:00 horas na Aula CeMIT do Edificio Administrativo da Deputación, pode realizarse a través da seguinte ligazón.
Pola súa banda, a actividade centrada en ciberseguridade e hacking ético desenvolverase atendendo a dinámicas interactivas e desafíos prácticos. Neste caso, as mozas e mozos de entre 16 e 24 anos aprenderán sobre cifrado e criptografía, a protexer dispositivos, identificar vulnerabilidades e previr ameazas dixitais. A inscrición para esta actividade, que terá lugar de 10:00 a 13:00 horas na aula CeMIT do Edificio Administrativo da Deputación, pode realizarse xa en liña.
