A Deputación de Pontevedra formará a 50 persoas maiores para loitar contra a fenda dixital no rural

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra publicou as bases para seleccionar o alumnado e os influencers que participarán nos cursos participativos de capacitación TIC destinados a loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada no ámbito rural. O proxecto, que a institución provincial ten activo nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos e busca capacitalos en competencias dixitais, co fin de que poidan tamén xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital.
Segundo informou o presidente da Deputación, Luis López, os alumnos e influencers interesados en participar no programa poderán presentar as súas solicitudes entre os días 19 de decembro e 31 de xaneiro, ambos os dous incluídos.
En canto ao alumnado deberá “ter nacido antes de 1973 ou acreditar discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos”.
Por outra banda, os influencers (en palabras da Deputación “persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais”) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.
Unha vez seleccionados os participantes, que serán 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a Administración Electrónica, o SERGAS en liña, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos.

PUBLICIDADE