A Deputación de Pontevedra formará en ciberseguridade os empregados públicos da institución e os concellos

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra volve a apostar pola capacitación profesional das e dos empregados públicos da institución e dos concellos da provincia. Faino lanzando unha nova edición do seu Plan Agrupado de Formación Continua, ao que están adheridos un total de 58 municipios e outras entidades. Trátase, en palabras da institución provincial, “dun ambicioso programa de formación continua que desde 2016 rexistra un total de 7.330 participantes gracias ao desenvolvemento de 315 accións formativas, canalizadas a través dun total de 8.793 horas de formación”. Desta volta o programa porá o foco en cuestións como a ciberseguridade ou a transformación tecnolóxica.
Haberá 93 cursos dos que un 57 ofreceranse en liña, outros 5 serán tamén en liña con vídeo-formación, un total de 25 en formato presencial e, finalmente, 6 na modalidade semipresencial.
Algúns destes cursos están dirixidos a centros específicos ou a persoal con funcións moi concretas, mentres que outros teñen un carácter máis xenérico.
A oferta de cursos online aborda cuestións como a resolución de conflitos con mozos/as, ferramentas de tradución por computador, inglés, ciberseguridade, protección á nenez, riscos laborais, fondos e subvencións europeas, fondos Next Generation, linguaxe administrativa galega, protección de datos, fotografía dixital, a Reforma Laboral, o teletraballo, a contratación pública, a transparencia, o protocolo, as adicións ás tecnoloxías en menores, a elaboración de Relacións de Postos de Traballo, a mercadotecnia turística ou seguridade viaria.
Os cursos en liña con vídeo-formación abordarán cuestións como o procedemento administrativo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ou protección de datos. Os cursos presenciais ocuparanse da montaxe e desmontaxe de estadas, mantemento de árbores ornamentais, compostos bioactivos vexetais ou o xestor de expedientes Cívidas, benestar animal, cociña para persoas celíacas, manexo de desfibriladores ou pilotos/as de drons. Finalmente, en modalidade semipresencial ofrécense cursos sobre prevencións de riscos no manexo de rozadoras ou motoserras, equipos contraincendios, os contratos menores, ou o open data.
A Deputación quixo converter a elaboración do catálogo de cursos anuais “nun proceso participativo”, procurando ter “moi en conta a voz dos empregados/as públicos da provincia”, toda vez que as persoas participantes enchen un formulario de satisfacción ao remate de cada itinerario, no que expresan as súas suxestións sobre preferencias temáticas para as seguintes convocatorias.
O prazo de presentación das solicitudes é de 20 días naturais. Cada persoa poderá participar nun máximo de dous cursos online por semestre, mentres que non hai límite para participar nos que se presten presencial ou semipresencialmente sempre que se logre a admisión. Tódalas persoas participantes que superen os cursos obterán un certificado de superación.