A Deputación de Pontevedra impulsará a actividade dos seus viveiros nas redes

xoves, 23 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra vai impulsar os seus viveiros de Lalín e Barro neste intre crítico para a economía, o emprendemento e o emprego na nosa terra, coa longa listaxe de consecuencias negativas que nos deixou a pandemia e o Estado de Alarma. O paquete de medidas foi dado a coñecer esta semana pola presidenta provincial, Carmela Silva, qun estivo no acubillo empresarial de Lalín para dar a coñecer o plan de choque e máis os principais desafíos do plan: incrementar a ocupación dos viveiros e máis as actividades de networking e de sesións de formación práctica. Tamén informou das importantes cifras acadadas pola oficina SmartPEME do viveiro, que prestou xa 630 asesoramentos.
“Imos redobrar o noso compromiso para que de aquí a nada non haxa nin naves nin oficinas baleiras”, asegurou Carmela Silva. Como iniciativas primeiras a desenvolver, fomentarase a participación das e dos emprendedores, divulgaranse vídeos nas redes sobre as vivendas e os proxectos que se instaurar nestes espazos e farase fincapé na súa capacidade para impulsar ideas emprendedoras. Ademais, a presidenta subliñou a vontade de converter aos viveiros en “espazos abertos á sociedade” a través da creación de alianzas de colaboración.
Polo que respecta ao programa concreto da capital da comarca do Deza, o I Programa de apoio ao emprendemento no rural do Viveiro de Lalín, diríxese ás persoas emprendedoras e empresas a desenvolver as súas ideas de negocio. Poderán participar novas iniciativas empresariais e tamén aquelas que estean en funcionamento e queiran poñer en marcha novas liñas de actividade ou precisen consolidarse ou redeseñar os seus proxectos. O programa terá 3 fases, tal e como detallou a presidenta provincial: unha primeira para seleccionar cinco proxectos; unha segunda fase de seis meses para o seu desenvolvemento, e unha terceira de Demo Day. Tamén haberá sesións formativas dos proxectos escollidos de habilidades emprendedoras, modelo de negocios Canvas, testeo startup, plans de comunicación, comerciais e económico-financeiros.
Proxectos concretos acubillados
No Viveiro de Lalín catro das cinco oficinas están a pleno rendemento con empresas adicadas a servizos veterinarios para explotacións gandeiras (Javier Campos Beltrán); á comercialización de maquinaria industrial (Solkajier Technic SL) e ao adestramento e asesoramento educativo (Leticia del Valle Ortín), ademais da oficina SmartPEME, que proporciona formación en tecnoloxías da información aos emprendedores, empresarios, autónomos e profesionais. En canto ás naves, Arzeos Aircraft, ocupará unha nave para a fabricación de utralixeiros e Bezos & Jobs Supplies, outra para a prestación de servizos de importación para terceiros.
A oficina SmartPEME, máis activa ca nunca
Na visita, Carmela Silva enxalzou as boas cifras despregadas pola oficina SmartPEME de Lalín. Segundo fixo saber, desde a súa creación o servizo da Deputación realizou 632 asesoramentos a 351 empresas. Tamén fixo saber que este ano, como aconteceu no resto da provincia, “o confinamento e a pandemia dispararon os asesoramentos”. Así, neste primeiro semestre obtivo un medre de ata un 71%, cunha media de 24,5 asesoramentos ó mes fronte aos 18 do pasado ano.

PUBLICIDADE