A Deputación de Pontevedra incrementa os orzamentos TIC

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra rematou ano aprobando o seu orzamento para 2018, unha contía que ascende a 160 millóns e que, en palabras o voceiro provincial, Carlos López Fonte, constitúe a máis salientábel cifra da historia da Deputación. Isto polo que se refire ás cifras. En termos de contidos, o orzamento mostra unha clara aposta “polo benestar da cidadanía”, recollendo principios como o dunha meirande equidade, o de garantir o meirande número de dereitos ou o recoñecemento da autonomía local. En cuestión de innovación e TIC, a Deputación apostará polas empresas, o emprendemento e as novas tecnoloxías da información.
O deputado destacou que en definitiva “este orzamento resume con claridade as grandes liñas do Goberno da Deputación, cun proxecto global de provincia para construír unha sociedade avanzada baseada no respecto á autonomía local”.
En termos máis concretos, os orzamentos medran nun 5 % en materia de recursos destinados ao apoio á actividade económica, con preto de 2 millóns de euros para SmarPEME (a rede de formación e asesoramento TIC, que este ano multiplicou por tres o número de asesoramentos), 340.000 para os viveiros e 5,4 millóns de euros para implantación e espallamento das novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE