A Deputación de Pontevedra inicia en Portas un obradoiro de banca móbil e compras en liña

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza na Casa da Cultura de Portas un obradoiro de banca móbil e compras en liña no marco do programa +Reto Dixital da Deputación de Pontevedra.
“A fenda dixital é evidente, e temos que implicar a cidadanía para reducila. Alégrame moito que no caso do meu concello conseguíramos unha grande resposta”, asegurou o deputado provincial e alcalde de Portas, Ricardo Martínez, respecto dos obxectivos da iniciativa, que reuniu a un total de 36 participantes nas tres accións formativas que se desenvolveron na vila e que forman parte dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica deste programa da Deputación.
+Reto Dixital ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais. Están a participar neste programa provincial, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade e Portas, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra quere avanzar en inclusión dixital e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou a cada concello cinco cursos (A Administración Electrónica, A sede electrónica da Deputación e do meu Concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.