A Deputación de Pontevedra instalará paneis con códigos QR en sete vilas termais

luns, 8 de xaneiro do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra vai estreitar dous ámbitos que, na súa confluencia, poden achegar melloras importantes no servizo do oso sector turístico: o eido das novas tecnoloxías e o eido do turismo termal da provincia. Máis polo miúdo, a entidade que preside Carmela Silva anunciou hoxe que instalará en media ducia de vilas termais paneis con códigos QR. O obxectivo? Incrementar ao máximo a experiencia informativa.
As vilas beneficiadas serán Mondariz Balneario, Catoira, Ponte Caldelas, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Vila de Cruces. A iniciativa é unha das actividades previstas no Plan Estratéxico de Turismo. En detalle, a través dela instalaranse nas ditas localidades paneis en tamaño A3 con códigos QR con información descargábel en smartphones e tabletas, incluíndo texto e audios en galego, castelán e inglés.
A actuación nace dun encontro mantido entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os concellos termais no pasado mes de decembro, para avanzar na promoción dos seus recursos. Nesta xuntanza abordouse a promoción dende unha perspectiva integral, contemplando tamén a importancia dos espazos históricos, naturais, culturais e paisaxísticos vinculados ao termalismo.
Cos novos paneis, que se instalarán a petición dos propios concellos nos espazos que consideren máis axeitados para a súa consulta, a intención é “mellorar os contidos que se achegan ás persoas turistas e visitantes de cada unha destas sete localidades, brindándoselles a posibilidade de obter información sobre todo o potencial histórico, cultural, natural, gastronómico e paisaxístico destes municipios e das súas respectivas contornas”.
Xunto aos paneis informativos, que se instalarán esta semana poranse en marcha, tamén, accións de promoción online marcadas dentro do Plan estratéxico de turismo Rías Baixas.

PUBLICIDADE