A Deputación de Pontevedra inviste 1,45 millóns na xestión das redes Smartpeme+ e Acelera Peme Rural
venres, 31 de xaneiro do 2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou a renovación da aposta da institución pola Rede SmartPeme+, programa de capacitación tecnolóxica ao servizo das pequenas e medianas e empresas e as persoas autónomas das distintas comarcas da provincia. Fíxoo na gala de entrega XIX Premios Joven Empresario/a de AJE Vigo onde entregou o galardón honorífico a Carlos Filgueira, de Oftega, e reivindicou o firme compromiso da institución provincial coa cultura emprendedora.
“Debemos facilitar o camiño aos emprendedores e cónstame que tanto desde o nivel autonómico como desde o provincial temos realizado grandes esforzos e cambios para conseguilo”, enxalzou Sánchez quen tamén remarcou a necesidade de “acompañar” aos emprendedores e, como dixemos, anunciou novidades sobre a Rede SmartPeme+. Por exemplo que este mesmo mes entrará en vigor o novo contrato para xestionar a rede de oficinas SmartPeme+ e Acelera Peme Rural, que contarán cun investimento total de 1,45 millóns de euros no 2025 e que asesorarán a persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Ademais, recordou que a través desta rede tamén “se levarán a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2.500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo ata 200 obradoiros e actividades complementarias”.
“Trátase de axudarvos a poñer en valor o voso traballo, impulsar o nacemento de novos proxectos emprendedores e o crecemento doutros que xa están en funcionamento”, subliñou Sánchez, que engadiu que “sabemos que ser empresario novo é moito máis que unha cuestión de idade, tamén é incorporar ao mercado novos coñecementos, aportar innovación a sectores tradicionais ou asumir un legado empresarial de décadas que hai que renovar e nós, desde a Deputación de Pontevedra, queremos estar ao voso lado”, engadiu.