A Deputación de Pontevedra lanza a plataforma Move.gal para modernizar os pequenos comercios

martes, 22 de abril do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra lanzou a nova plataforma Move.gal, unha iniciativa “pioneira”, en palabras da entidade provincial, que busca visibilizar e modernizar o pequeno comercio local de 19 concellos da provincia (Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro, Pontecesures, A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa) para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías.
En concreto, Move, que xa está accesible, integra a rede de comercio local da provincia e serve para que as e os comerciantes e hostaleiros estreiten vínculos coas persoas produtoras e provedoras locais.
O obxectivo concreto desta iniciativa é “dar visibilidade aos comercios e establecementos hostaleiros locais e aos produtos de quilómetro 0, especialmente no rural, así como promover a economía de proximidade a través dunha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio”.
A plataforma conta cunha parte pública, na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais. Ademais, ten unha parte privada á que poden acceder as e os comerciantes, hostaleiros e produtores locais para buscar provedores próximos, interactuar con outros negocios da provincia para emprender proxectos conxuntos, aprender sobre estratexias comerciais en Internet, afondar en temas como a mercadotecnia, a tecnoloxía, a sensibilización ambiental, coñecer de primeira man a experiencia de expertos nesas materias e formular iniciativas comúns a través dunha ferramenta de comunicación interna.
Para adherirse a Move, cómpre cubrir un formulario en liña de solicitude dispoñible nesta ligazón.