A Deputación de Pontevedra lanza a súa propia canle dixital: DepoPlay

mércores, 28 de xaneiro do 2026 S. P.

A Deputación de Pontevedra lanzou esta semana a plataforma DepoPlay, unha canle dixital propia orientada a difundir contidos audiovisuais relacionados coa actividade institucional e coa provincia. “Trátase dunha nova plataforma, que se enmarca na estratexia de dixitalización e modernización das canles de comunicación do organismo provincial, coa que imos seguir avanzando na nosa máxima de tender pontes e estar preto da cidadanía”, subliñou o presidente.
“Con DepoPlay imos abrir unha nova vía de difusión adaptada aos hábitos actuais do consumo audiovisual”, asegurou Luis López quen explicou que a partir desta recta final de xaneiro a cidadanía poderá gozar na plataforma tanto de eventos en directo, como de contidos relacionados coa provincia do deporte, curiosidades, vídeos relacionados de turismo ou do Museo de Pontevedra, audiovisuais sobre a acción de goberno, pero tamén pezas relacionadas coa igualdade, a cultura, a lingua, o medio natural ou a xuventude.
Deste xeito, o pioneiro servizo de OTT vai centralizar a oferta de contidos audiovisuais relacionados coa Deputación de Pontevedra e con actividades desenvolvidas ou relacionadas coa provincia.
DepoPlay funciona baixo demanda, tanto de emisións en directo como de contidos gravados, e é libre e accesible a través de diferentes dispositivos, para facilitar o consumo por parte da cidadanía. Ademais, está organizada por temas, para facilitar a visualización, e conta cun buscador de contidos, explicou o presidente provincial, Luis López.