A Deputación de Pontevedra organiza dou obradoiros formativos sobre competencias dixitais
luns, 8 de setembro do 2025
Dende a Deputación de Pontevedra veñen de anunciar dous obradoiros formativos en competencias dixitais que terán lugar os días 20 e 21 de outubro de xeito presencial na Aula CeMIT, situada no Edificio Administrativo da Deputación (Pontevedra). Indo ás accións, dicir que forman parte do programa Formación Dixital, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o prazo de inscrición xa está aberto, con 20 prazas dispoñibles para cada unha.
Deste xeito, o primeiro curso: Competencias dixitais: o teu pasaporte cara o futuro (persoas maiores), celebrarase o luns 20 de outubro a partir das 10 horas. Nel, as persoas participantes poderán aprender a pedir cita no centro de saúde, realizar trámites en liña e utilizar o cartafol cidadán, amais de poder identificar e combater estafas e fraudes dixitais e realizar videochamadas. As inscricións poden realizarse a través do sitio web da Aula CeMIT.
En canto ao segundo curso: Competencias dixitais: a clave para o emprego, celebrarase o martes 21 de outubro tamén a partir das 10 horas. Entre os contidos da formación abordaranse a procura de emprego en liña, a redacción e envío dun bo currículo, a preparación de entrevistas virtuais e tamén a realización de trámites coa administración pública. As inscricións poden realizarse tamén a través do sitio web da Aula CeMIT.
Engadir que o programa Formación Dixital, da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ten o obxectivo de impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega no marco da Estratexia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual. Asemade, quérese resolver situacións cotiás como realizar trámites electrónicos ou interactuar coas administracións públicas, así como mellorar as posibilidades profesionais ou obter información de interese sobre ferramentas de ciberseguridade ou tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial.
