A Deputación de Pontevedra organiza este mércores unha sesión telemática sobre xestión de ameazas dixitais
luns, 2 de xuño do 2025
A Deputación de Pontevedra pecha este mércores 4 de xuño as accións formativas sobre ciberdelincuencia, ciberseguridade e Intelixencia Artificial dirixidas a profesionais das pemes e das administracións públicas. Trátase da última das tres accións previstas no marco do Grupo de Traballo de Empresas do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal en colaboración con Gradiant, centro tecnolóxico adherido a CIBER.gal, e a institución provincial, entidade fundadora de CIBER.gal.
Esta sesión leva o tÃtulo de Xestión de Incidentes e Thread Intel mediante servizo xestionado nun SOC/NOCENS+ da Rede Nacional de SOC e permitirá afondar na xestión de incidentes mediante servizos xestionados nun SOC (Centro de Operacións de Seguridade). Nela farase monitoraxe, prevención, detección e resposta ante ameazas cibernéticas. Amais, estudaranse as formas de anticipar ciberincidentes, detectar ameazas reais, comunicar e asesorar aos clientes para facerlles fronte, determinar o alcance real da ameaza, mitigar e remediar o incidente ou crear comités para facerlles fronte. A actividade terá lugar ás 12:30 horas e será totalmente telemática, estando xa habilitado o formulario para asistir á sesión na web institucional.
Previamente a esta sesión, a Deputación organizou unha sesión presencial impartida por Borja Pintos, responsable técnico de ciberseguridade industrial de Gradiant, na que se deron a coñecer as técnicas que empregan os ciberdelincuentes para manipular e atacar as persoas, con exemplos reais e consellos para evitar caer nas súas trampas, e outra telemática na que o socio-director de Pintos & Salgado afondou na IA, os seus retos e as súas regras.