A Deputación de Pontevedra pon en marcha o seu programa para dixitalizar as persoas maiores de 50 anos

luns, 3 de marzo do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra publicou as bases do novo programa +Reto Dixital, dirixido aos concellos de reto demográfico da provincia co obxectivo de formar e capacitar as persoas maiores de 50 anos en competencias tecnolóxicas. Cun orzamento de preto de 30.000 euros, o que se busca con estas accións é facilitar á cidadanía a súa relación coas administracións públicas (especialmente para garantir unha cobertura adecuada e acceso a servizos públicos como a sanidade, servizos asistenciais e atención á dependencia), así como a súa alfabetización dixital en calquera ámbito da súa vida cotiá.
Ao abeiro do +Reto Dixital organizaranse un total de 68 obradoiros divididos en cinco temáticas: administración electrónica, a sede electrónica da Deputación e do concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, uso da banda móbil e as compras electrónicas e, finalmente, redes sociais. Pódense beneficiar destas accións 34 concellos da provincia, todos os recoñecidos como concellos de reto demográfico agás Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves, xa que nestes catro concellos foi onde se realizou o proxecto piloto hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural entre os anos 2022 e 2024.
O prazo de adhesión dos concellos abrirá o próximo 3 de marzo e pechará o 31 dese mesmo mes. As actividades deberanse realizar ao longo do ano 2025 (entre os meses de xuño e decembro), e o alumnado por cada acción deberá ser dun mínimo de oito persoas e un máximo de 15. Os cursos, de cinco horas de duración, terán un custo de cinco euros por persoa.
En palabras da Deputación, “o programa +Reto Dixital obedece a unha realidade na que a dixitalización de numerosos servizos e xestións da vida cotiá provoca unha fenda dixital entre xeracións e colectivos sociais que non deixa de medrar, o que repercute especialmente ao medio rural, debido á súa menor densidade de poboación, a que esta está cada vez máis envellecida e a que a prestación de servizos presenciais tende a desaparecer”.