A Deputación de Pontevedra pon en marcha os obradoiros de Conectadas 2017

martes, 18 de xullo do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de pór en funcionamento os cursos formativos do programa Conectadas 2017, promovido polo seu Servizo de Igualdade co obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres e loitar contra aquelas cousas que lastran a súa empregabilidade, a súa plena inserción, seu desenvolvemento persoal e o seu manexo integral das ferramentas tecnolóxico-dixitais. Os concellos da Lama e Vigo serán os primeiros en acoller accións formativas ao abeiro da nova edición de Conectadas. En concreto, as persoas que asistan a estes primeiros cursos recibirán formación relacionada coa cultura musical tradicional e o deporte e a saúde.
O programa arranca na Lama cun obradoiro de Pilates que terá lugar desde este martes 19 de xullo no local da Casa do Pobo da Xesta, da man da Asociación de Veciños de San Bartolomé da Xesta. O segundo dos obradoiros que se inician esta semana terá lugar o venres na Asociación Cultural Traspés de Vigo e versará sobre Percusión e Canto Tradicional.
Segundo lembra a Deputación, Conectadas 2017 ten por finalidade "mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías". A través deste programa preténdese tamén "potenciar a participación e a promoción das mulleres e tamén así favorecer a súa posición na sociedade".
O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento e maila igualdade de oportunidades. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoai".
A Deputación de Pontevedra, que inviste nesta edición do programa 324.000 euros, agarda que esta nova convocatoria "supere a alta participación do ano pasado", cando foron máis de 5.000 as persoas que se sumaron a estas accións formativas.

PUBLICIDADE