A Deputación de Pontevedra pon na Rede, a disposición dos concellos, o catálogo +Música
xoves, 29 de febreiro do 2024
A Deputación de Pontevedra publico na Rede o catálogo do programa +Música, que pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un total de 148 grupos de artistas profesionais que realizan as súas actuacións e concertos en lingua galega ou, no caso de ser instrumentais, con pezas de autoría galega. Con este programa, que conta cun orzamento de 600.000 euros, un 16% máis que o pasado ano, a institución provincial pretende “facilitar a celebración de concertos gratuítos para todos os públicos nos concellos, así como contribuír ao fomento da cultura da provincia e do galego e promover a reputación de Pontevedra como destino cultural”.
O catálogo +Música, que se pode consultar xa na web da Deputación, recolle información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas, como a súa páxina web, un breve currículo, a descrición da súa proposta artística, os datos de contacto, o caché, as necesidades técnicas e de produción ou as ligazóns ás súas principais redes sociais, entre outras. Abrangue preto de 150 propostas e recolle unha gran variedade de estilos diferentes, por exemplo grupos enfocados a un público infantil e familiar, como A Gramola Gominola ou Uxía Lambona e a Banda Molona; de pop ou rock, como Familia Caamango, Roi Casal ou The Rapants; folk, como Antía Muíño ou Mercedes Peón; hip hop, como Dios Ke Te Crew ou Dakidarría, ou incluso propostas máis actuais aliñadas co trap, como Boyanka Kostova, ou coa ‘electro cumbia’, como Ortiga. Sen esquecer, por suposto, clásicos da música tradicional, como A Roda, Treixadura, Milladoiro ou Luar na Lubre.
Desde este venres 1 de marzo e ata o vindeiro día 15, os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes de actuacións e concertos a través da Sede electrónica da Deputación. Terán a opción de escoller un máximo de dous grupos ou artistas entre os dispoñibles no catálogo, por orde de preferencia, para unha data previamente acordada cos grupos solicitantes.