A Deputación de Pontevedra porá en valor a Rapa das Bestas de Sabucedo cun museo virtual
venres, 22 de novembro do 2024
O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o convenio de colaboración coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo para a posta en marcha dunha plataforma museográfica virtual. O seu obxectivo é pór en valor a Rapa cun orzamento próximo aos 220.000 euros. Trátase, tal e como explicou o presidente da institución provincial Luis López, de apoiar “unha das nosas festas de interese turístico internacional, unha festa extraordinaria e que constitúe unha auténtica experiencia 100% Rías Baixas”.
O proxecto, que se enmarca no Plan de sostibilidade turística do Destino Deza-Terra de Montes que conta cun orzamento total de 2 millóns dos fondos Next Generation, contempla o deseño, subministro e instalación de 61 elementos de sinalética intelixente nos itinerarios pedestres; así como a posta en marcha dun software na nube e a creación de contidos vinculados á Rapa das Bestas de Sabucedo.
Estes recursos que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación súmanse aos 124.000 euros xa destinados ao abeiro deste Plan o pasado mes de abril, dirixidos neste caso a renaturalizar a carballeira do Campo do Medio en Sabucedo grazas a un convenio co Concello da Estrada. “Cremos que a Rapa das Bestas é un importante dinamizador turístico da provincia, e por iso seguimos apostando por esta festa senlleira e icónica”, asegurou Luis López.