A Deputación de Pontevedra porá unha plataforma de comercio ao servizo de oito concellos
luns, 25 de setembro do 2023
A
Deputación
de Pontevedra porá en marcha unha plataforma entre negocios para
crear unha rede de comercio local en oito concellos. En concreto,
a súa finalidade será “captar, asesorar, dinamizar, visualizar,
formar, sensibilizar e interconectar axentes do comercio local con
produtores locais e provedores de servizos afíns para crear a rede
de comercio local nos concellos de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis,
Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro”.
Os
detalles desta iniciativa foron dados a coñecer polo presidente da
Deputación, Luis López, que incidiu en que “se queremos construír
unha terra de oportunidades para todos, na que se xeren postos de
traballo e dinamice a economía, debemos apostar polos sectores
produtivos”.
Esta
plataforma, que conta con orzamento de 230.000 euros e se pon en
marcha ao abeiro do proxecto Da túa man (rural), financiado
pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, é “unha
aposta innovadora, tanto no enfoque como no desenvolvemento da mesma,
que contribuirá a unha mellora da produtividade do comercio e da
hostalaría nos concellos, creando vínculos comerciais e estreitando
e fortalecendo as relacións de subministro”, explicou o presidente
provincial, engadindo que ao abeiro este proxecto configurarase como
unha comunidade de aprendizaxe, permitindo compartir coñecementos e
experiencias que contribúan a mellorar a produtividade, incrementar
as vendas e engadir valor aos produtos e servizos.
A
plataforma contará con dúas partes: unha parte pública, dixital,
que permitirá á cidadanía acceder aos contidos xerados: mapa, da
provincia coas diferentes experiencias, información medio ambiental,
etc., e unha parte privada á que terán acceso os comerciantes e
hostaleiros dos concellos mencionados, e na que poderán interactuar
e establecer relacións comerciais os axentes implicados, compartir
experiencias e información e dispoñer de titoriais de expertos,
entre outros.