A Deputación de Pontevedra presenta unha oficina tecnoloxía para axudar aos concellos en materia de ciberseguridade
xoves, 12 de xuño do 2025
O deputado de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Ricardo Martínez, presentou esta mañá no Pazo Provincial, unha nova iniciativa institución que axudará os concellos, “con independencia dos seus recursos materiais e humanos”, a que conten con persoal técnico especializado ao que solicitar asistencia en materia tecnolóxica.
A Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC), sinalou o deputado, “acompañará os 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes no seu proceso de transformación dixital” e anunciou que a previsión é que poida estar en marcha a finais deste mesmo ano tras un período de adhesión dos concellos que abriría no próximo mes de setembro.
Ricardo Martínez informou de que a OTAC ofrecerá asistencia en catros eixos claves: servizos informáticos comúns, apoio técnico en licitacións, xestión de servizos municipais e ciberseguridade. Deste xeito, “brindará solucións tecnolóxicas modernas e eficaces fronte ás carencias que lastran os departamentos municipais en múltiples áreas ou servizos”, ademais de “escoitar activamente os concellos para entender e atender as súas necesidades e demandas, ofrecendo unha asistencia cada vez mellor que resolva todo o relacionado coa dixitalización”, informou o deputado provincial.
A través da OTAC, sinalou, “seguimos impulsando a modernización e dixitalización dos concellos e agardamos que, traballando xuntos, construamos unha provincia máis inclusiva, accesible, segura e mellor”.
Explicou tamén que a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos nace da disparidade entre os concellos en canto á súa madurez respecto ás Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC), na busca de procurar unha situación acorde en toda a provincia. Centralizaranse na Deputación os servizos de asistencia e soporte que faciliten aos concellos os medios necesarios para facer fronte ás súas necesidades e, ademais, cun aforro económico. A OTAC consistirá nun asesoramento técnico especializado con escoita activa das súas necesidades para que o catálogo de servizos, agrupados en catro áreas, evolucione de acorde ás novas demandas.
