A Deputación de Pontevedra programa obradoiros de capacitación tecnolóxica en Sanxenxo e Rodeiro

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste luns 13 de outubro en Sanxenxo e Rodeiro a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con seis novos obradoiros (tres en Sanxenxo e tres en Rodeiro) nos que participarán un total de 81 veciñas e veciños (45 en Sanxenxo e 36 en Rodeiro).
Esta iniciativa da institución provincial ten como obxectivo formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
En Sanxenxo
Todos os cursos terán lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán, en horario de 20:00 a 22:30 horas e coa participación de 15 alumnos en cada unha das actividades. A primeira actividade en desenvolverse será o curso A Administración Electrónica, con dúas sesións este luns e martes, 13 e 14 de outubro. A seguinte semana, os días 20 e 21 de outubro, celebrarase o curso A Sede electrónica da Deputación de Pontevedra e do meu concello, e por último o 27 e 28 de outubro desenvolveranse as dúas sesións das que constará o curso SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA.
En Rodeiro
As sesións programadas celebraranse no Centro Cultural Manuel Llamazares, en horario de 10:00 a 12:30 horas e de 9:30 a 12:00, coa participación de 15, 10 e 11 alumnos en cada unha das tres actividades. A primeira actividade prevista será o curso SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, con dúas sesións este luns e martes, 13 e 14 de outubro. A seguinte semana, os días 20 e 21 de outubro, celebrarase o curso Uso da banca móbil e as compras electrónicas, e por último os días 27 e 28 de outubro desenvolveranse as dúas sesións da acción formativa sobre Redes Sociais.
Están a participar en +Reto Dixital, dotado cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Meaño, Rodeiro e agora Sanxenxo, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (A Administración Electrónica, A sede electrónica da Deputación e do meu Concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.