A Deputación de Pontevedra programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica en Cerdedo-Cotobade
luns, 8 de setembro do 2025
A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste luns 8 de setembro en Cerdedo-Cotobade a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con tres novos obradoiros nos que participarán un total de 39 veciños e veciñas da localidade, programa cuxo obxectivo é as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración, dotalas de maior autonomÃa para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
14 alumnos participarán a partir do luns no curso SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA na Casa do Pobo de Viascón. O curso constará de dúas sesións, o luns e o martes, en horario de 10:00 a 12:30 horas. Tamén o luns e o martes, en horario de 16:30 a 19:00 no Centro sociocultural de Cerdedo, celebrarase a acción Uso da banca móbil e as compras electrónicas, no que participarán un total de 10 persoas. Por último, o mércores 10 e o xoves 11 desenvolveranse as dúas sesións das que constarán o curso Sede electrónica da Deputación de Pontevedra e do meu concello, que se celebrará no Centro sociocultural de Tenorio en horario de 10:00 a 12:00 horas coa participación dun total de 15 alumnos.
Participarán en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa e agora Cerdedo-Cotobade, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Portas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (A Administración Electrónica, A Sede Electrónica da Deputación e do meu Concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.
