A Deputación de Pontevedra programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica en Meaño

luns, 6 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste luns 6 de outubro en Meaño a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con tres novos obradoiros nos que participarán un total de 45 veciños e veciñas da localidade.
Esta iniciativa da institución provincial ten “o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais”, segundo informou a Deputación.
Engadiu que todos os cursos terán lugar no Centro Socio Cultural da rúa Santa Lucía, en horario de 16.00 a 18.30 horas e coa participación de 15 alumnos en cada unha das actividades.
A primeira sesións será A Administración Electrónica, con dúas sesións este luns e martes, 6 e 7 de outubro. A seguinte semana, os días 13 e 14 de outubro, celebrarase o curso SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, e por último o 20 e 21 de outubro desenvolveranse as dúas sesións das que constará o curso Uso da banca móbil e as compras electrónicas.
Están a participar en +Reto Dixital, dotado cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas e agora Meaño, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (A Administración Electrónica, A sede electrónica da Deputación e do meu Concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.