A Deputación de Pontevedra promove tres formacións sobre ciberdelincuencia, ciberseguridade e IA

martes, 13 de maio do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra promove tres accións formativas sobre ciberdelincuencia, ciberseguridade e Intelixencia Artificial dirixidas a profesionais das pemes e das administracións públicas.
A primeira sesión, Desenmascarando as técnicas dos ciberdelincuentes, será o vindeiro martes, 20 de maio ás 12:30 horas, no salón de actos do Edificio Administrativo da institución provincial en Pontevedra. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, que se enmarca no Grupo de Traballo de Empresas do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, en colaboración co centro tecnolóxico vigués Gradiant (entidade adherida a CIBER.gal), e a Deputación de Pontevedra (entidade co-fundadora de CIBER.gal), deberán inscribirse na páxina web institucional.
A primeira xornada, dunha hora de duración, será impartida por Borja Pintos, responsable técnico de ciberseguridade industrial de Gradiant. Durante a sesión, daranse a coñecer as técnicas que empregan os ciberdelincuentes para manipular e atacar as persoas, con exemplos reais e consellos para evitar caer nas súas trampas. Así, afondarase na técnica da suplantación de identidades (phishing), na clonación de voz por IA, nos delitos típicos, no USB phishing e nas técnicas que poden poñer en marcha as persoas e entidades para protexerse.
As seguintes accións formativas serán online. Para a segunda, co título Intelixencia Artificial e Ciberseguridade: novos retos, novas regras, está prevista para o 27 de maio ás 13:00 horas e será impartida por Víctor Salgado, socio-director de Pintos & Salgado, o formulario está tamén xa habilitado na páxina web institucional. Neste caso, e tamén durante unha hora, explicarase o auxe da Intelixencia Artificial e o seu impacto na ciberseguridade, analizaranse exemplos prácticos do uso da IA xenerativa e as súas implicacións en materia de seguridade (deepfakes, clonación de voz, xeración de contido malicioso), estudaranse os principais riscos (fraudes automatizados, vulneración da privacidade, manipulación da información, suplantacións de identidade), así como o novo Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial. Ademais daranse recomendacións, medidas preventivas e boas prácticas para o uso de ferramentas da IA.
A última sesión, prevista para xuño, consistirá nunha demostración práctica sobre cesión de ferramentas e servizos de ciberseguridade.