A Deputación de Pontevedra súmase á licitación electrónica

xoves, 26 de febreiro do 2015 Redacción

A Deputación de Pontevedra, no seu afán por achegar a Administración ós cidadáns e ás empresas, comezou en febreiro a licitar a través de medios electrónicos no marco do proxecto LEAL (Licitación Electrónica nas Entidades Locais). Esta iniciativa, impulsada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a AMTEGA, pretende simplificar os procesos de licitación das administracións locais galegas, facéndoos máis accesibles e transparentes para os licitadores.
Un dos obxectivos deste proxecto é facilitar o acceso das PEME á contratación pública, igualando as súas oportunidades ás das empresas máis grandes. Con este servizo facilítase ademais a adaptación ás novas directivas europeas de contratación, xa aprobadas, que imporán a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos nos procesos de contratación pública nos próximos anos.
O proxecto consiste na implantación e posta en marcha da plataforma de licitación electrónica VortalGOV. Trátase dun servizo deseñado para as administracións públicas que está completamente adaptado á Lei de contratos do sector público. Esta plataforma permite integrar por vía electrónica os procesos das administracións públicas e os licitadores, abarcando desde a publicación do procedemento ata a sinatura do contrato. Este sistema é utilizado actualmente por máis de 2.000 entidades públicas e 40.000 provedores de todo o mundo. A ampla difusión da plataforma VortalGOV facilitará a concorrencia ós procesos de contratación da Deputación de Pontevedra, o que repercutirá na obtención de mellores ofertas para a entidade.
VortalGOV segue un modelo de servizo SAAS (software como servizo),que facilita a súa implantación e non require de desenvolvementos a medida. A principal vantaxe deste modelo é que a actualización de versións, para adaptarse por exemplo a cambios lexislativos, a realiza o provedor do servizo sen cargo adicional para as administracións públicas. Nun modelo de servizo os datos e o software alóxanse nunha nube, que funciona nesta plataforma como unha nube pública nos servidores do provedor, o que lles permite ás administracións públicas obter un considerable aforro de custos de mantemento da plataforma tecnolóxica.

PUBLICIDADE