A Deputación de Pontevedra axuda a Ponte nas Ondas a reivindicar o patrimonio galego-portugués en formato podcast

martes, 1 de outubro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, recoñecida pola UNESCO, para a retransmisión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A institución provincial destinará 15.000 euros á entidade para a organización de oito obradoiros de radio e podcast en centros educativos entre outubro e novembro e para a celebración do Día Internacional do Patrimonio o 15 de novembro no Centro Cultural de Valadares en Vigo.
A institución provincial explicou que o obxectivo desta colaboración é “erixir a cultura como elemento integrador do territorio transfronteirizo” e “poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, involucrando ao alumnado dos centros educativos da provincia de Pontevedra na súa preservación”.
Entre outubro e novembro organizaranse oito obradoiros de radio e podcast no CEIP Petelos de Mos, no CEIP Seis do Nadal de Vigo, no CEP Altamira de Salceda de Caselas, no IES San Paio de Tui, no IES do Barral de Ponteareas, no IES Terra do Turonio de Gondomar, no IES Luis Seoane de Pontevedra e no IES de Salvaterra de Miño.
Ademais, a Deputación e Ponte nas Ondas colaborarán na organización do Día Internacional do Patrimonio o 15 de novembro no Centro Cultural de Valadares en Vigo. Esta celebración consistirá nun acto público e nunha emisión por radio e Internet. O acto contará cunha actuación musical e nel participarán os premiados do Certame de Ponte nas Onda As imaxes do patrimonio.