A Deputación e a UDC mostran nun curso as obrigas dos concellos en materia de protección de datos

mércores, 11 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación e a Universidade da Coruña, a través da Cátedra de Dereito Local, achégannos esta sexta feira (venres) aos detalles que temos que ter en conta (dende unha perspectiva dos concellos e da súa relación coa cidadanía, principalmente) sobre a nova normativa de protección de datos que entrou en vigor o 25 de maio. Será a través dun curso a celebrar no Campus de Elviña que contará coa participación dalgúns dos principais expertos en salvagarda dixital da información e das comunicacións.
Segundo informan a Deputación e a UDC, o tema é tratar é “unha cuestión de plena actualidade” que atinxe de cheo ás entidades locais, pois o novo marco legal “ten un amplo impacto na administración pública”. A isto cómpre engadir a futura lei orgánica que tramitan as Cortes Xerais. A cita será no salón de actos da Facultade de Dereito da UDC, a partir das 10.00 horas.
Na xornada, que abordará os dereitos e obrigas das entidades locais en relación á protección de datos persoais no Regulamento UE 2016/679 e no dito proxecto (en tramitación polas Cortes) de Lei orgánica de protección de datos, participarán os catedráticos Carlos Amoedo e Francisco Javier Sanz Larruga, e será inaugurada polo deputado provincial Xesús Soto, contando coa participación de especialistas como Víctor Salgado (avogado especialista en TIC), Iñigo Pintos e Teresa Regueiro, do bufete Pintos & Salgado, e Ramón Álvarez Veiras, técnico do Concello da Coruña.
Trátase dunha nova xornada da Cátedra de Dereito Local da UDC, financiada ao 100% pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo “impulsar a formación e a investigación en cuestións xurídicas de relevancia que afecten aos concellos da provincia”.
Segundo informa o Goberno provincial, dende a súa creación a finais do pasado ano, a Cátedra xa organizou cursos sobre cuestións coma a Lei de contratos do sector público, que afecta aos procesos de contratación dos municipios, ou a Lei de espectáculos, que afecta á celebración de máis de 4.000 festas e verbenas en Galicia.

PUBLICIDADE