A Deputación e a UVigo entregaron os premios GirlGeekPower 2024-2025

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo fixeron entrega este martes 10 de decembro, na sede de Vigo da institución provincial, dos premios GirlGeekPower 2024-2025 aos mellores currículos académicos de alumnas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñarías e Arquitectura nos seus dous campus na provincia.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foron os encargados de conceder as distincións ás gañadoras desta edición: Daniela Sanz Toucedo (primeiro premio) e Noa Álvarez Montes (accésit) na rama de Enxeñaría e Arquitectura, e Iliana Durán Alonso (primeiro premio) e Sarai Moledo Rodríguez (accésit) na de Ciencias e Ciencias da Saúde.
A deputada provincial Sandra Bastos sinalou que “estas grandes mulleres amosan que non hai distinción de vocacións, soños profesionais nin carreiras para homes e para mulleres. Nós podemos ocupar todos os espazos e ámbitos porque estamos altamente capacitadas”. Neste sentido, Bastos lembrou que as cifras de mulleres matriculadas nas STEM seguen a ser moi baixas e minoritarias, e asegurou que “as catro gañadoras son un exemplo para que as nenas teñan referentes e así reducir a fenda de xénero: temos que dicirlles ben claro que é posible, para que ninguén as poida convencer do contrario”. A deputada fixo alusión ao 13% de mulleres matriculadas en Informática, 27% en Física ou 36% en Matemáticas.
Os premios GirlGeekPower enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e a Universidade de Vigo e xurdiron para “visibilizar e recoñecer a excelencia dos currículos académicos das mulleres nas ramas STEM, nas que elas son a porcentaxe minoritaria do alumnado”. Para poder optar aos premios era preciso estar matriculadas na Universidade de Vigo en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñería e Arquitectura, Ciencias e Ciencias da Saúde dos campus de Pontevedra e Vigo, tendo unha nota media nos seus expedientes igual ou superior a 7 nas titulacións de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas de Ciencias e Ciencias da Saúde.