A Deputación e o CITIC achegan a IA xenerativa ao alumnado do IES Xulián Magariños de Negreira

xoves, 16 de abril do 2026 S. P.

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou este xoves 16 de abril no IES Xulián Magariños de Negreira nunha das xornadas do programa formativo sobre intelixencia artificial xenerativa que a institución provincial desenvolve en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
A deputada estivo acompañada polo director e o vicedirector do centro educativo, José Luís Mateo e Jesús García Otero, así como polo concelleiro Adolfo Barbosa e a catedrática de Ciencias da Computación e Tecnoloxía da Información da UDC, Susana Ladra González.
A iniciativa, que chegará a 20 institutos da provincia, está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato e ten como obxectivo, lembraron, “achegar competencias básicas en intelixencia artificial xenerativa, así como fomentar un uso ético, seguro e responsable destas ferramentas”.
No transcurso da xornada o alumnado participou en prácticas con ferramentas como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, aprendendo a formular instrucións eficaces, xerar textos e imaxes, resumir información e analizar contidos de maneira crítica.
O programa combina explicacións teóricas cunha parte práctica en aula, facilitando a comprensión do funcionamento destes sistemas e a reflexión sobre os seus límites, riscos e oportunidades.
Mar García Vidal destacou que "a intelixencia artificial xa está presente na vida cotiá, polo que é importante que a mocidade saiba empregala con criterio e responsabilidade". A deputada sinalou tamén que "formar en competencias dixitais é clave para garantir a igualdade de oportunidades e evitar novas fendas sociais".
Cada centro participante contará con dúas sesións formativas de dúas horas, deseñadas para ofrecer unha aproximación rigorosa pero accesible a unha tecnoloxía que está a transformar a sociedade a gran velocidade.