A Deputación e o Concello de Lugo participan na estrea da nova sede da UNED, referencia en dotación TIC
luns, 20 de novembro do 2017
Este luns
inaugurouse en Lugo a nova sede da Universidade Nacional de Educación
a Distancia (UNED),
un inmóbel destinado a ser un referente tecnolóxico por múltiples
e variados motivos, pero, principalmente, pola avanzada dotación TIC
da que fai gala, e tamén, porque a previsión é que unha parte
importante do programa formativo que da sede lucense abrolle estea
integrada por cursos e seminarios ligados ao eido
tecnolóxico-dixital. As
dependencias foron inauguradas polo presidente da Deputación, Darío
Campos Conde, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López e o reitor da
UNED, Alejandro Tiana. A nova sede, emprazada no antigo Hotel
Miño, foi financiada pola entidade provincial con dous millóns de
euros. Tanto o Concello como a Deputación como a propia UNED
coincidiron na importancia de converter o inmóbel “no centro de
referencia da Universidade no noroeste de España”.
No acto,
amais da “botadura” da nova andaina do edificio, tamén se
inaugurou o curso académico 2017-2018, para o que xa están
matriculados preto de 2.000 lucenses, que lles tirarán proveito ás
novas instalacións. Ademais, o presidente e a alcaldesa entregaron
os diplomas a 30 dos 111 novos graduados pola UNED de Lugo.
Segundo
fixo saber o presidente da Deputación, o edificio remodelado conta
cun amplo número de aulas para titorías presenciais, cun salón de
actos de gran capacidade para levar a cabo eventos como congresos ou
simposios (dispoñíbel para entidades públicas e privadas); e cunha
biblioteca e dun aparcamento propios e accesíbeis para todos os
lucenses.
O
presidente e a alcaldesa, ademais, supervisaron as derradeiras
actuacións levadas a cabo no antigo Hotel Miño co remate dos
traballos de dotación de aparcadoiro e zonas axardinadas, unhas
obras que contaron cun orzamento de 215.000 euros.
Segundo
fixeron saber, converter o Hotel Miño na nova sede da UNED en Lugo
implicará unha serie de vantaxes a ter en conta, entre as que se
inclúen económicas (“aforraranse
os 105.000 euros anuais que actualmente se desembolsan
no aluguer
do edificio Forcam, propiedade da Cámara de Comercio, para as
clases”) e espaciais
(“gañarase espazo para
acoller ós alumnos en constante aumento, xa
que a UNED luguesa
incrementou nun 15% o número de matriculados no 2013 con respecto ó
ano pasado, acadando os 2.212).
Respecto
da dotación tecnolóxica, o centro conectarase
a Rede Iris (10 GB), o que permitirá, segundo
se fixo saber, “poñer contidos dixitais
audiovisuais de alta calidade na Rede”. Ademais,
tanto o salón de actos como a aula de
extensión universitaria achegarán a
posibilidade de levar a cabo eventos que
poderán ser emitidos por streaming
de mellor calidade, ata agora limitados pola insuficiente capacidade
de INTECCA.
Por
outra banda, a Deputación, o Concello e a UNED sinalaron que dende a
nova sede potenciarase, tanto cualitativa como
cuantitativamente, o proxecto
Cultura Dixital, ao servizo das asociacións
culturais da provincia (coa idea
de ampliar estes servizos ao resto de Galicia así como ao
Norte de Portugal).
A
maiores, dende as novas dependencias poderanse abordar
novos programas de formación para entidades públicas e privadas
tanto no nivel de Galicia como para o resto de España.
Por
último, o centro creará un repositorio
propio de contidos dixitais audiovisuais ao servizo da comunidade
universitaria e tamén da cidadanía en xeral.