A Deputación, o Concello e o ICOIIG converterán Lugo na capital galega da enerxía smart
venres, 3 de novembro do 2017
Os
vindeiros 8 e 9 de novembro vaise celebrar en Lugo un evento
destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart
e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentábeis,
eficientes, eficaces, limpas e rendíbeis de xestionar e consumir
enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión
Enerxética, XENERGAL 2017,
que se vai desenvolver no Pazo de San Marcos da man do Colexio de
Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da
Deputación de Lugo e do Concello.
Na
presentación do evento participaron o presidente do Goberno
provincial, Darío Campos, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible,
Daniel Piñeiro, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento e o director de
XENERGAL, Fernando Blanco. O principal responsábel da Deputación
salientou que se trata da “maior cita do sector en Galicia” e que
contará con 36 relatorios e con cinco fíos temáticos principais:
enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de
edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da
enerxía.
Na
presentación o Concello debullou as principais liñas do proxecto
local Lugo Smart City. Segundo fixo saber Piñeiro, Lugo Smart City é
unha iniciativa financiada nun 80% con fondos FEDER que se dirixe a
converter a cidade da Muralla nunha cidade intelixente e sustentábel,
con medidas concretas como a xestión de refugallos sólidos urbanos
a través de sensores de almacenamento conectados vía GPR ou 3G nos
colectores, a xestión do alumeado público nas contornas urbana e
rural (con regulación de fluxo lumínico a través de dispositivos
tecnolóxico-dixitais de control) ou a xestión de eficiencia
enerxética nas dependencias municipais do consistorio, o Centro de
Servizos Municipais, as piscinas municipais, o CEI-NODUS e o Centro
Social Uxío Novoneyra.
O
Congreso artéllase nun total de trece mesas específicas, e contará
coa participación de empresas, investigadores universitarios e
centros de investigación relacionados co sector da enerxía. O
número de asistentes inscritos (profesionais de empresas,
investigadores universitarios e de organismos públicos, etc) xa
supera un cento e a relación de relatorios aceptados pódese
consultar na web do evento.