A Deputación de Lugo seguirá impulsando o emprego TIC con Ben Empregado 4

venres, 8 de setembro do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo achegou hoxe detalles importantes da cuarta edición de Ben Empregado, o seu programa dirixido a favorecer a inserción laboral das persoas en emprego. Segundo fixo saber o voceiro da entidade provincial, Álvaro Santos Ramos, Ben Empregado 4, máis social! está dotado con 2,2 millóns de euros. O obxectivo: permitir a xeración “duns 150 novos postos de traballo de calidade no conxunto do territorio lugués”. Novamente, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo profesionais community managers, técnicos en informática ou responsábeis de proxectos transmedia.
Santos Ramos engadiu que a cuarta edición do programa Inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos sociais de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, “ademais de facer fronte ao taxa de paro, contribuír á actividade de autónomos, PEME e asociacións lucenses”, e todo “co obxectivo de dinamizar a economía da provincia e contribuír á importante labor social do tecido asociativo”.
Abránguense tres liñas de financiamento: financiamento ao 100% dos custos laborais de novos traballadores en empresas da provincia cando se traten de persoas “con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral”; financiamento ao 90% dos custos laborais de novos traballadores en colectivos sociais lucenses para “contribuír á importante actividade que desenvolven na provincia en atención á cidadanía”; e financiamento ao 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral en empresas de toda índole e da provincia.
Logo da aprobación deste novo programa por parte do Goberno da Deputación, agora enviarase á Base Nacional de Subvencións para a súa publicación, tal e como esixe a normativa vixente. A continuación, publicarase no Boletín Oficial da Provincia, abrindo o prazo de solicitude das axudas.
O voceiro da entidade provincial tamén lembrou que, a día de hoxe, hai uns 130 lucenses previamente no paro que traballan en empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado 3, que inclúe máis postos. Santos Ramos informou que “co Ben Empregado 1, que é o único que rematou, conseguimos unha inserción laboral do 30%”.

PUBLICIDADE