A Domus acolle o sábado 8 de novembro a final do concurso de monólogos Ciencia Calidade

martes, 28 de outubro do 2025 S. P.

A cidade da Coruña converterase novamente nun punto de encontro para a divulgación STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) coa celebración da final do concurso Ciencia Calidade, que terá lugar o vindeiro sábado 8 de novembro ás 18.30 horas na Domus.
Este certame de monólogos científicos en galego está promovido polas divulgadoras Andrea Muras e Eva Cabanelas, co apoio da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgacción), e conta coa colaboración do Concello da Coruña.
Durante a final, as persoas participantes presentarán en directo as súas pezas orixinais, de ata tres minutos de duración, combinando coñecemento científico con humor, emoción e creatividade. O obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía dun xeito accesible, atractivo e en lingua galega.
O acceso ao evento será gratuíto mediante convite, que pode descargarse en liña (cuarta edición).
"A Coruña é unha cidade que aposta pola ciencia, pola cultura e pola lingua galega. Apoiar iniciativas como Ciencia Calidade encaixa co noso modelo de cidade: aberta, creativa e con vocación divulgadora", destacou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.
O Goberno local quere avanzar así no seu impulso da cultura científica e a innovación “como ferramentas para achegar o coñecemento aos distintos públicos, apostando pola difusión do saber en formatos próximos e participativos”. Esta final, engade o Concello, “é unha oportunidade para visibilizar o talento galego e fomentar a curiosidade científica desde a diversidade e a lingua propia”.