A EE Industrial (UVigo), sede da xuntanza anual da Asociación Española de Robótica

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

A Escola de Enxeñería Industrial acolleu este xoves 7 a AER 6th Summit, a sexta xuntanza anual da Asociación Española de Robótica e Automatización (AER Automation). Esta é a primeira vez que o evento recala en Vigo, e faino no marco dun convenio asinado en 2020 entra a Universidade olívica e esta asociación para mellorar a formación do alumnado e profesorado a través de conferencias, cursos, xornadas, material didáctico, etc. no eido da robótica e a automatización industrial.
A finalidade do AER 6th Summit é poñer en valor as iniciativas nas que a asociación está enfocando os seus esforzos para impulsar a automatización dos procesos industriais en España. En concreto, nesta sexta edición buscouse “achegar a Industria 4.0 á academia e reafirmar o seu compromiso coa comunidade e o ecosistema industrial, tecnolóxico e educativo galego”. En total, participaron arredor de 120 representantes das empresas asociadas a AER procedentes de Cataluña, Madrid, etc.
A xornada arrancou pola mañá cunha benvida informal por parte do reitor, Manuel Reigosa; o director da EE Industrial, José Fariña e o presidente de AER, Carlos Méndez. Reigosa deu a benvida aos membros da asociación e, a pesar do momento complicado polas consecuencias dos asolagamentos da pasada semana, quixo trasladar unha mensaxe de optimismo “porque estamos sendo capaces de pulir todo o talento que chega ás nosas aulas, hai unha xeración moi ben formada que pode tomar o peso do desenvolvemento do país”.
Pola súa banda, o director da EE Industrial referiuse a un artigo recollido no anuario da AER presentado na xuntanza no que se fala dunha fenda nas universidades españolas respecto das europeas na formación de enxeñeiros e enxeñeiras e profesionais en robótica e automatización. Fariña remarcou o compromiso da escola coa formación e co cooperación universidade-empresa, “que é algo que está nos xenes desta escola, polo que calquera iniciativa que nos axude neste eido será ben recibida”. O director tamén lamentou que finalmente esta asemblea non coincida coas JAI, as Xornadas de Automatización Industrial da UVigo, que ían ter lugar nestas datas, pero que finalmente se atrasaron ao mes de febreiro.
Para rematar o acto, Carlos Méndez, presidente de AER, pediu gardar un minuto de silencio pola vítimas da DINA da semana pasada e deu paso directamente á xornada, que arrancou cunha mesa redonda sobre a mellora da competitividade o talento feminino na industria galega. Moderada por Sara Calvo, coordinadora do proxecto Moongirl de AER Automation, no debate participaron Patricia Moreira, presidenta de CEAGA; Consuelo Domínguez, directora da planta de GKN Driveline en Vigo; Josefina Alonso, directora de operacións de Dihgigal e Ana Paul, directora de innovación tecnolóxica do CTAG.
Tras unha pausa para xantar, a xornada retomouse pola tarde con especial presenza do alumnado, xa que os representantes das asociacións CES UVigo, UVigo SpaceLab, UVigo Motorsport e UVigo Aerotech presentaron ás e aos asistentes as novidades dos seus proxectos nos eidos da automoción, a aeronáutica e a enxeñaría enerxética.