A EET de Vigo prepara aos estudantes contra o cibercrime

luns, 13 de novembro do 2017 Redacción

A Escola de Enxeñería de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo acolle este luns e martes un seminario de perspectivas de mercado en protección informática impartido por CyberSOC Academy. A actividade, inserida no programa de actividades da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade (creada en decembro do ano pasado para promover competencias profesionais na dita materia entre o alumnado universitario e outros profesionais), ten o obxectivo de mostrar as amplas posibilidades laborais que se abren se nos orientamos cara a salvagarda da información e das tecnoloxías que lle son parellas, especializándonos en recursos e tecnoloxías intelixentes para atallar as ameazas do cibercrime, cada vez máis frecuentes, intelixentes e especializadas.
Este seminario está dirixido a investigadores e estudantes de mestrado do eido tecnolóxico, preferentemente, así como persoal do centro de investigación AtlantTIC. A docencia desenvólvese hoxe luns e mañá martes e abrangue dez unidades nas que se abordarán temas como as ameazas da rede, o fraude, a enxeñaría social ou os malware como virus, spyware, ransomware, troianos ou phishing (suplantación de identidades co fin de roubar datos ou cartos). Tamén se tratarán temas como o hacktivismo, os mercados negros e o tratamento da información, o roubo e almacenamento de datos de inicio de sesión, os contrasinais, as infeccións en dispositivos móbiles, as contramedidas para facer fronte a ataques ou as tendencias neste eido segundo os SOC (Security Operation Centers).

PUBLICIDADE