A EGAP achegará este ano máis de 5.700 horas de formación en eAdministración, ciberseguridade e competencias dixitais
luns, 15 de setembro do 2025
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) desenvolverá ao longo deste 2025 un total de 207 accións formativas, que suman case 14.000 prazas e máis de 5.700 horas de docencia en ámbitos como a administración electrónica, a ciberseguridade, as competencias dixitais e a intelixencia artificial. O programa, avaliado polo Consello da Xunta, combina cursos de formación continua, cursos superiores e actividades divulgativas como xornadas, conferencias e monográficos.
Desde 2018, a EGAP e a AMTEGA manteñen convenios anuais para impulsar a capacitación do persoal público e avanzar cara a unha administración máis transparente, próxima, áxil e accesible. O plan inclúe formación en intelixencia artificial, robotización, protección de datos e no uso de plataformas propias da Xunta como o SEF (facturación electrónica), Plation (xestión de contratacións), Fides (emprego público) ou Silex (licitación electrónica).
Tamén destacan as actividades do marco galego de competencias dixitais ComDix, destinadas a promover un uso crítico, seguro e creativo das tecnoloxías. Este ano xa se convocaron seis accións de nivel intermedio e, por primeira vez, probas libres para obter directamente a certificación inicial. Ademais, a EGAP ofrece tres cursos superiores en ciberseguridade, administración electrónica e protección de datos, cun enfoque técnico e xurídico.
En paralelo, a escola organiza xornadas e conferencias como os E-martes, sesións intensivas de sete horas sobre aplicacións, ou encontros sobre intelixencia artificial aplicada á xestión pública. Con estas iniciativas, a EGAP reforza o seu compromiso coa formación do persoal público e coa mellora continua dos servizos á cidadanía.
