A EGAP e o CPEIG achegan un curso superior sobre eAdministración

luns, 16 de outubro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai colaborar no Curso Superior de Administración de Electrónica que convoca a Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Esta actividade formativa, que vén da man da propia EGAP xunto con AMTEGA e máis o CPEIG, diríxese a afondar, “dende unha perspectiva técnico-xurídica”, nos detalles máis avanzados da xestión-organización pública dixital, facendo especial fincapé en cuestións como o arquivo electrónico administrativo e na súa relevancia para as nosas institucións.
Segundo nos conta o CPEIG, os contidos do programa buscan, “desde distintas perspectivas”, incrementar ao máximo o coñecemento e a capacitación das persoas participantes arredor da chamada eAdministración, achegando formación exhaustiva sobre a Informática, o Dereito e o espazo de confluencia entre ambos ámbitos de actividade.
O curso, que fornece de 50 prazas e 114 horas lectivas, desenvólvese dende o 30 de outubro até o 20 de decembro (os días de clase e o horario aparecen especificados no DOG). Os destinatarios son os integrantes do persoal empregado público das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

PUBLICIDADE